Wednesday 15 de May de 2024

Medio Ambiente inviste máis de 126.000 euros na modernización do equipamento da rede de estacións meteorolóxicas


O DOG publica a resolución na que se anuncia a licitación para a contratación deste equipamento

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, licita a través do Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2b2joeu) por máis de 126.000 euros a contratación de equipamento para a rede de estacións meteorolóxicas xestionadas por Meteogalicia, co obxectivo de mellorar o rendemento dos sensores de medida utilizados nas boias oceanográficas e buscar sistemas de medida alternativos que permitan optimizar custes.

Os interesados contarán con quince días naturais, dende mañá martes, para presentar as súas ofertas. Esta iniciativa está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A rede de observación meteorolóxica está formada por 174 estacións nas que se miden as variables meteorolóxicas da atmosfera. Así mesmo, a rede de observación oceanográfica está formada por seis boias océano-meteorolóxicas e tres boias de ondaxe. Estas últimas utilízanse para medir a altura das ondas e obter datos das variables atmosféricas e doutros parámetros, como a salinidade ou a temperatura da auga.

Nas estacións meteorolóxicas obtéñense datos relativos á atmosfera, co obxectivo de proporcionar información á poboación.

Características do material
En total, a Consellería de Medio Ambiente deberá adquirir 6 lotes de equipamento, con sondas de presión, sensores de velocidade e dirección do vento, pluviómetros de cazoletas, ou equipos de radiación, entre outros.